"Un sistema sanitario non pode funcionar sen enfermeiras e moito menos sen enfermeiras cualificadas e especialistas"

A Coruña, venres 4 de febreiro de 2022.- Desde que se diplomou en Enfermería no ano 1996, Suso Prego percorreu centros sanitarios de características distintas, desde o seu primeiro contrato en Padrenda (suroeste da provincia de Ourense, en plena Raia), pasando polas Urxencias do actual Hospital Universitario do Bierzo (Ponferrada). Traballando na provincia leonesa recibiu unha chamada que o levaría ao Hospital Comarcal de Cee, onde “traballei en Urxencias, e no servicio de Hospitalización a Domicilio (HADO). Tamén na Unidade de Hospitalización A -que inclúe pediatría e neonatos - onde gañei a experiencia que teño en Pediatría”, tras case 6 anos centrado no coidado dos nenos e nenas da área.

No ano 2011 prodúxose o seu traslado ata o Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, onde recalou na Unidade de Hospitalización de Oncoloxía. Tamén estivo en contacto con Pediatría a través das Urxencias do CHUS. Neste complexo foi supervisor de Atención Continuada durante case 3 anos onde, explica, “xestionas todo tipo de situacións, somos un pouco bombeiros: apagamos todos os lumes”, cóntanos. Desde fai apenas dous meses ten a súa praza no centro de saúde de Ordes como enfermeiro de Atención Primaria e Comunitaria.

Suso Prego é ademais o vicepresidente primeiro do Colexio Oficial de Enfermería da provincia de A Coruña desde outubro de 2019. 

Que o levou a involucrarse de xeito activo na Organización Colexial de Enfermería de A Coruña?

Sempre entendín que o Colexio era un axente político fundamental para a representación dos enfermeiros e enfermeiras como colectivo profesional. A organización colexial é a representación política do conxunto dos colexiados e aboga polos seus dereitos e intereses.

Por esta razón é esencial que as enfermeiras participemos na construción do noso colexio. Neste sentido, sempre admirei a labor do Royal College of Nursing do Reino Unido, que foi e é un actor clave na sanidade dese país. É importante que en España intentemos construir un modelo semellante e para iso é clave a organización colexial, a institución que realmente nos representa como profesionais.

Un dos obxectivos que se plantexaba Inés López Carral, presidenta do COE de A Coruña, ao comezo do seu mandato era achegar o colexio ás colexiadas, unha meta que se complicou coa irrupción da pandemia. Vostede que balance fai destes dous anos como vicepresidente?

A nivel persoal, moi positivo. No ámbito institucional, gustaríame ter máis traballo feito, pero é certo que o covid complicou todo, desde a posibilidade de facer reunións presenciais ata organizar actos coas colexiadas. Esta situación impediunos acercarnos á xente e levar a cabo actividades que doutro xeito se terían feito.

Hai voces que din que o colectivo das enfermeiras non está tan unido como gustaría. É así?

Todas as compañeiras temos un sentir común: non traballamos de enfermeiras, somos enfermeiras. Hai un sentimento de pertenza a unha profesión e un certo grao de implicación co futuro da profesión, queremos vela progresar e desenvolverse.

Mais, con todo isto, fáltanos expresar esa unión e esa implicación para conseguir ter así unha influencia real a nivel político. Tamén é fundamental trasladar á sociedade o que facemos e porque é importante para todos os cidadáns.

A expresión desa unidade é a clave para que as enfermeiras acaden máis logros para a profesión? 

Sen dúbida. A OMS publicou uns anos atrás, polo día da Enfermería, que as enfermeiras realizamos o 90% dos actos sanitarios. Somos un colectivo fundamental para o sostemento do sistema sanitario. Se conseguimos transmitir a nosa unidade e todos aportamos para conseguir os obxectivos que se fixa a profesión, traballando na mesma dirección, conseguiremos grandes fitos, porque a sociedade se dará conta de que somos imprescindibles para o seu óptimo funcionamento.

Suzanne Gordon, escritora e xornalista estadounidense profundiza en Nursing against the Odds (Enfermería contra vento e marea) nas razóns da falta de enfermeiras nos Estados Unidos, que son básicamente as de sempre: mala visibilización da nosa labor de cara á sociedade, escaseza de representación dentro dos sistemas sanitarios, baixo recoñecemento do noso traballo. Tamén fai unha reflexión que me parece moi ilustrativa: a relación que ten a enfermeira co médico,  e que podería extenderse outros profesionais, é a mesma que ten o práctico co capitán dun barco; este sabe navegar polos oceános (as patoloxías) pero para entrar e sair do porto (isto é, para individualizar a atención ao paciente) necesita ao práctico.

As enfermeiras son o colectivo máis amplo do sistema sanitario. Por que aínda así non hai unha representación real nos postos de xestión?

Xestionamos moito máis do que se nos recoñece, ese é verdadeiramente o problema. Eu sempre comparo a nosa situación coa dunha casa, metaforicamente falando: seguimos sendo as amas de casa dos hospitais, onde sen nós non funciona nada pero ninguén nos recoñece o papel fundamental que representamos. 

As enfermeiras teñen aptitudes de sobra para xestionar, o principal problema é que non teñen o grado recoñecido para chegar a un nivel de xestión dentro do sistema sanitario. Isto ten que cambiar. Neste sentido, acadar o grao A1 é fundamental. Evidentemente unha vez se nos recoñeza, cada unha de nós ten que demostrar a súa valía para xestionar, pero desde logo se non nos dan a posibilidade de facelo, mal vamos.

A historia das enfermeiras vai da man da evolución da posición e o papel da muller na sociedade, e do desenvolvemento do feminismo. De feito, se volvemos á época de Florence Nightingale o contexto era ese: non estaban profesionalizadas e eran básicamente as amas de casa dos hospitais, pero especializadas en coidar aos enfermos. 

Como se consegue o recoñecemento dese grao se desde as institucións estatais non se ten en conta as enfermeiras nun comité tan importante como o que está a avaliar a xestión do covid no noso país? Non foron as que estiveron na primeira liña da loita contra o virus, quenes coordinaron a vacinación nos vacunódromos?

O éxito é palpable, pode verse: temos unha das taxas de vacinación máis altas de España e Europa, a inmunización da poboación funcionou sempre correctamente, sen problemas de aglomeracións de pacientes, cun cumprimento dos prazos con marxe. En Santiago, por exemplo, quen dirixiu a xestión da vacinación foi unha enfermeira, Susana Mirás, que agora se atopa á fronte do control de Enfermidades Transmisibles do Sergas, un nomeamento que me parece moi acertado, polo magnífico traballo que levou a cabo. 

Temos ás mellores profesionais, témolas doutoradas, con másteres, cursos, etc. Os nosos currículos son extensos, entón, por que non temos unha representación proporcional ao noso colectivo? Ademais, a nivel práctico é fundamental: se os únicos xefes de cada unidade son médicos, sen ter en conta unha representación enfermeira ao mesmo nivel e na mesma proporción, as decisións que se tomen acabarán topándose con problemas de realización.

O seu caso é efectivamente un exemplo de formación continuada. A enfermeira é unha profesional que debe formarse durante toda a súa vida?

Por suposto. A formación continuada é fundamental para todas as profesións sanitarias. É inconcibible, ou debería selo, traballar 40 anos e non actualizar  coñecementos básicos necesarios para para o día a día.

A parte disto, é crucial que entendamos que a enfermería é unha profesión que ten a posibilidade de desenvolver unha carreira a nivel docente, clínico, de xestión e de investigación. E isto debe potenciarse, porque con enfermeiras formadas, que investigan e xestionan, o sistema de saúde progresa e mellora constantemente.

Unha das reivindicacións que se fai desde o Colexio Oficial de Enfermería de A Coruña é a incorporación de enfermeiras escolares ao conxunto dos centros do sistema educativo. Que trabas existen para logralo?

A enfermeira escolar é unha figura que en España existía ata fai uns anos. Esta profesional estaba en moitos colexios, pero nalgún momento se deixou de apostar por ela. Non ocorre o mesmo noutros países, como é o caso de Francia, Suecia ou Reino Unido, onde está totalmente profesionalizada.

É inexplicable que non se fomente a Enfermería Escolar. Precisamos enfermeiras especialistas, que teñan capacidade de desenvolverse a nivel profesional. Un sistema sanitario non pode funcionar sen enfermeiras e moito menos sen enfermeiras cualificadas e especialistas. E esta atención especializada debe estar preto das comunidades ás que máis pode beneficiar, como é o caso das comunidades escolares. 

Desde a época de Florence Nightingale xa se sabe que contar con enfermeiras cualificadas se traduce nunha mellora do funcionamiento do sistema sanitario. 

Vostede é enfermeiro de Atención Primaria, quizáis das figuras do sistema que máis coñece a sociedade, que máis preto temos os cidadáns. Cales son as principais funcións que ten este enfermeiro?

A función do enfermeiro de Familiar e Comunitaria é coidar á comunidade, á familia, tanto enferma como sá, porque é moi importante traballar na promoción da saúde, na prevención das enfermidades crónicas, nas complicacións destas doenzas. As enfermeiras debemos ser a profesional de referencia no coidado de todos os membros da unidade familiar.

Como ben di, se desde Atención Primaria se debe promover un estilo de vida sá, deben a medicina e a enfermería, neste sentido, ser máis preventivas e menos reactivas? Como conseguimos isto?

Os profesionais da Atención Primaria somos os que estamos máis preto dos cidadáns e, polo tanto, temos máis capacidade de acción sobre os determinantes da saúde.

Todo os equipos de Atención Primaria deberían ser dinamizadores de saúde e benestar, establecendo medidas e accións de promoción de vida saudable. Para conseguir isto necesítase unha participación, non só dos profesionais do centro, que tamén, senón de todos os axentes sociais: un só centro de saúde non pode cambiar completamente os determinantes de saúde dunha determinada área. Precísase da implicación de concellos, entidades privadas, escolas e de moitos outros que deben fixar e traballar por uns obxectivos comúns. 

Poderíase dicir que de nada serve que a enfermeira de Atención Primaria inculque que os nenos e nenas deben tomar 5 racións de froitas ao día se despois os menús do comedor do colexio non inclúen ninguna.

Ou que nas máquinas dispensadoras ou cafeterías dos centros educativos haxa de todo menos froitas. En moitas áreas de Estados Unidos existen os denominados desertos alimentarios: hai unha promoción de vida saúdable entre a poboación pero os cidadáns non atopan alimentos nutritivos e asequibles na súa zona. Poderíase dicir que aquí se da unha situación semellante, pero con determinantes diferentes. 

Para que a Atención Primaria poida traballar nesa liña é necesario que haxa unha boa dotación de persoal e que dispoñan de tempo para realizar labores que van máis alá das consultas, que poidamos investigar, realizar traballos de xestión a nivel local cos axentes sociais e establecer así accións que redunden nunha mellor promoción da saúde.

Nestes momento semella difícil atopar oco nas axendas das enfermeiras de Atención Primaria, especialmente afectada pola sexta vaga da pandemia.  Está este servizo ta exhausto e debilitado como parece?

Neste momento si. O impacto da sexta onda provocou que afloraran problemas estruturais que xa existían desde fai moito tempo, como a infradotación de equipos. No meu centro de saúde só hai unha enfermeira especialista en Pediatría para atender dous cupos médicos. Evidentemente, non ten oco para abordar tarefas que non sexan as consultas de atención inmediata.

Tamén é evidente que hai unha escaseza preocupante de profesionais en todo o sistema sanitario. Neste momento fálase especialmente da falta de médicos, pero a carencia de enfermeiras xa existía antes, consecuencia da precariedade que temos tradicionalmente na contratación. Hai enfermeiras que, como vimos nos medios de comunicación, acumulan 500 contratos en 5 anos. Neste contexto resulta imposible que as profesionais poidan desenvolver unha carreira, é imposible sen ter unha estabilidade laboral.

Esta situación repercute no paciente?

Sen dúbida. Aféctalle ao paciente, cuxo coidado é o primordial, pero ademais esta situación repercute na enfermeira. Se unha profesional é maltratada continuamente polo sistema, acabará queimándose e tirando a toalla.

O tan coñecido síndrome de burnout foi estudado por primeira vez en enfermeiras,  o que reflexa claramente a situación que vivimos desde fai tempo.

Cre que é máis importante agora ca nunca a vocación na profesión enfermeira?

É un tema espiñento para as enfermeiras porque hai quenes pretenden xustificar todo coa vocación, e non debe ser así. Animo a quen teña vocación a estudar Enfermería porque o vai disfrutar moitísimo, vai atopar unha profesión que namora dun xeito inesperado.

Dito isto, o noso traballo non pode xirar en torno á vocación, nos abordamos os coidados dos pacientes dunha forma completamente profesional. Podo ter vocación pero traballo para vivir e teño unhas aspiracións dentro da miña profesión que quero lograr, máis alá de que sexa ou non vocacional.

Diferentes organizacións internacionais de enfermería advirten que no 2026 vai haber un alude de xubilacións. Se lle sumamos o éxodo de profesionais que temos cada ano. Cal é o panorama que nos espera?

O que xa pasou noutros lugares, como en Estados Unidos: a gran escaseza de profesionais de enfermería resente o sistema sanitario. E non importa que o sexa público ou privado, como ocorre nese país, porque os problemas son os mesmos: séguese a pensar que non compensa contratar enfermeiras con boas condicións laborais e soldos dignos.

Se queremos ter unha poboación sá debemos invertir no sistema sanitario e iso implica contar con enfermeiras que gocen de estabilidade laboral, que poidan desenvolver unha carreira no tempo e cunha dotación suficiente para dar resposta aos retos da sociedade. 

Desde finais de 2021, e despois de máis dunha década de loita, a prescrición enfermeira púxose en marcha. Como influíu no seu día a día?

Agora son moito máis resolutivo. Non tiña sentido que as enfermeiras non puideramos receitar tan sequera un apósito, algo que calquera persoa pode comprar nunha farmacia sen necesidade de receita, pero nós non estabamos capacitados para empregalos cos nosos pacientes sen autorización previa do médico.

Sempre tiven moi claro que a prescrición enfermeira era algo que tiñamos que conseguir como fose. É un logro histórico e agardo que co paso do tempo as competencias neste sentido se vaian ampliando.

Aínda existen trabas?

A inexistencia de protocolos  que regulen de xeito efectivo a prescrición enfermeira. A día de hoxe as enfermeiras non podemos prescribir un paracetamol, pero os pacientes si poden ir a farmacia e mercalo sen problema.

É especialmente importante que se desenvolvan os protocolos nacionales, polo menos no tocante ás principais enfermidades crónicas que se atenden nos centros de saúde. Na atención destas doenzas daríanse pasos de xigante porque estes pacientes representan unha parte significativa do noso traballo, ademais de que se eliminaría moito traballo das axendas dos médicos, algo que nos viría moi ben a todos.

Pero, sen dúbida, é en especial significativo polo benestar do paciente. Resolveríamos todas as súas necesidades nunha soa consulta, hai un control continuado, non se da un fraccionamento da atención: o médico está para un control máis periódico ou cambio do tratamento segundo o estado da persoa, e a enfermeira para o coidado regular nunha situación na que o enfermero permanece estable. Isto notaríase especialmente no caso das diabetes e hipertensións, pero hai moitas outras doenzas susceptibles de ser atendidas polas enfermeiras.

Ao longo da entrevista falamos da importancia de que se recoñeza a labor das enfermeiras. Como resumiría o que precisan as enfermeiras para lograr ese merecido recoñecemento a nivel laboral, social e económico?

A nivel laboral o principial problema co que nos atopamos é a precariedade contractual, sen dúbida.

Ese recoñecemento tamén ten que contemplar unha maior presenza das enfermeiras en todos os niveles de dirección, xerencia e xestión. Dentro do sistema sanitario o asunto dos coidados debe ser tratado ao mesmo nivel que calquera outro asunto sanitario, como enfermidades transmisibles ou recursos humanos, polo que é preciso a creación dunha dirección xeral de coidados, tanto a nivel autonómico coma estatal.

Débese asegurar o coidado da poboación e isto pasa necesariamente por ter profesionais formados, polo que é fundamental facilitar a formación continuada dentro da carreira profesional.

Por último, ten que haber unha visibilización a nivel social, maior presenza das enfermeiras nos debates sanitarios, débese ver que as enfermeiras temos moito que dicir. A sociedade ten que saber todo o que facemos polo seu coidado. Cando se visibilice a labor das enfermeiras, entendarase que non só temos moito que aportar, senón tamén que demostrar.


Imprimir  

Calle Álvaro Cunqueiro, Nº 7 - 1º

15008 - A Coruña

981 168 033

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas 

 

Calle Romero Donallo, Nº 27 - Entlo.

15706 - Santiago de Compostela

981 598 870

Horario de oficina:

9:00 a 14:00 horas y 16:00 a 19:00 horas de lunes a jueves

viernes de 08:00 a 14:30 horas