A menopausa e as fases anterior e posterior a ese momento representan aproximadamente un terzo da vida da muller. Durante este tempo, a muller experimenta moitos cambios a nivel fisiolóxico, psicolóxico e social e sofre síntomas asociados á caída de estróxenos, que pode chegar a repercutir negativamente na súa calidade de vida. As matronas son as especialistas sanitarias referentes tamén nese momento.
Isabel Loureiro é matrona no centro de saúde de Ordes desde hai cinco anos. Desde 1996 pasou por hospitais de diferentes áreas sanitarias. Antes de empezar, Isabel recalca que “é máis apropiado falar de transición á menopausa, climaterio e postmenopausa. A menopausa é un momento puntual, é o día da última regra. As outras dúas etapas, o climaterio (que comprende desde que aparecen os primeiros cambios ata cinco anos despois da última regra) e a posmenopausa (desde a última regra ata o final da vida), son etapas tamén moi importantes para as mulleres”.